Está Vd. en

Axuda

  • Contido e seccións do BOE

    De acordo co Real Decreto 181/2008, do 8 de febreiro, o “Boletín Oficial do Estado”, diario oficial do Estado español, é o medio de publicación das leis, disposicións e actos de inserción obrigatoria.

    No “Boletín Oficial do Estado” publícanse:

    1. As disposicións xerais dos órganos do Estado e os tratados ou convenios internacionais.
    2. As disposicións xerais das Comunidades Autónomas, de acordo co establecido nos Estatutos de Autonomía e nas normas con rango de lei ditadas para o desenvolvemento dos mesmos.
    3. As resolucións e actos dos órganos constitucionais do Estado, de acordo co establecido nas súas respectivas leis orgánicas.
    4. As disposicións que non sexan de carácter xeral, as resolucións e actos dos departamentos ministeriais e doutros órganos do Estado e Administracións Públicas, cando unha lei ou un real decreto así o establezan.
    5. As convocatorias, citacións, requisitorias e anuncios cando unha lei ou un real decreto así o establezan.

    O Consello de Ministros poderá excepcionalmente acordar a publicación de informes, documentos ou comunicacións oficiais cuxa difusión se considere de interese xeral.

    Estrutura e contido do BOE

    Contido
    SecciónI. Disposicións xerais
    • As leis orgánicas, as leis, os reais decretos lexislativos e os reais decretos-leis.
    • Os tratados e convenios internacionais.
    • As leis das asembleas lexislativas das Comunidades Autónomas.
    • Os regulamentos e demais disposicións de carácter xeral.
    • Os regulamentos normativos emanados dos consellos de goberno das Comunidades Autónomas.
    SecciónII. Autoridades e persoal

    Integrada por dúas subseccións:

    • II.A. Nomeamentos, situacións e incidencias.
    • II.B. Oposicións e recursos.
    SecciónIII. Outras disposicións

    Integrada polas disposicións de obrigada publicación que non teñan carácter xeral nin correspondan ao resto de seccións: bases reguladoras da concesión de bolsas; premios e outras axudas e subvencións; cartas de servizo; convenios colectivos de ámbito xeral; plans de estudo; etc.

    SecciónIV. Administración de Xustiza

    Nesta sección insírense os anuncios de poxas xudiciais, así como aqueles actos procesuais que non se deban publicar no suplemento do “taboleiro de Edictos Xudiciais Único”.

    SecciónV. Anuncios

    Agrupados da seguinte forma:

    • V.A. Contratación do Sector Público.
    • V.B. Outros anuncios oficiais: inclúe os extractos de convocatorias de bolsas, premios e outras axudas e subvencións; trámites de información pública, concesións administrativas, etcétera.
    • V.C. Anuncios particulares.

    Dentro de cada sección, a inserción dos textos realízase agrupándoos segundo o órgano do que proceden, en base á ordenación xeral de precedencias do Estado. As disposicións emanadas das Comunidades Autónomas insírense segundo a orde de publicación oficial dos Estatutos de Autonomía.

    Dentro de cada epígrafe, os textos ordénanse segundo a xerarquía das normas.

    En cada número do periódico oficial inclúese un sumario do seu contido, ordenado conforme se indicou anteriormente.

    O texto das leis, disposicións e actos publicados no “BOE” ten a consideración de oficial e auténtico; pola súa parte, o texto das normas emanadas das Comunidades Autónomas, publicado no “BOE”, ten o carácter que lle atribúen os respectivos Estatutos de Autonomía.

    As leis, os reais decretos-leis e os reais decretos lexislativos, unha vez sancionados polo rei e publicados en castelán no Boletín Oficial do Estado, poderán ser tamén publicados nas demais linguas oficiais das diferentes Comunidades Autónomas. Estas publicacións en lingua cooficial están dispoñibles como suplementos do BOE, en virtude dos respectivos convenios de colaboración subscritos entre o Goberno da Nación e as Comunidades Autónomas de Cataluña, Galicia, País Vasco e Comunidade Valenciana.

    subir

  • Como se consulta o BOE?

    Desde a páxina de inicio da sede electrónica www.boe.es pode acceder ao último número publicado do BOE.

    A páxina do BOE do día ofrécelle o sumario ou índice de todo o publicado nesa data.

    A información estrutúrase en tres apartados:

    Seccións do BOE
    1. Desde o separador de “Disposicións e anuncios” poderá acceder ao publicado en todas as seccións do diario.
    2. Desde o separador de “Notificacións”, aos anuncios de notificación do “Suplemento de notificacións”.
    3. Desde o separador de “Edictos xudiciais” pode acceder ao suplemento do “Taboleiro de Edictos Xudiciais Único”

    En “Disposicións e anuncios” pode seleccionar a Sección ou Subsección que sexa do seu interese. Esta opción tamén existe no “suplemento do Taboleiro de Edictos Xudiciais Único”

    Seccións do BOE Subseccións

    Así mesmo, pode elixir visualizar unicamente as disposicións e anuncios publicados por un determinado Departamento. Esta posibilidade tamén existe nos suplementos.

    Seccións do BOE Departamentos

    Baixo o título de calquera disposición ofrécense as ligazóns para acceder directamente ao formato PDF e ao resto de formatos dispoñibles, no seu caso:

    Formatos do BOE

    Se necesita consultar o número do boletín inmediatamente anterior, dispón na parte superior dereita da pantalla dunha icona a tal efecto:

    anterior

    Para acceder aos boletíns publicados noutras datas, na páxina de inicio da sede electrónica encontrará acceso ao “Calendario”, desde onde poderá desprazarse polos boletíns publicados desde o 1 de setembro de 1960 ata a actualidade.

    Calendario BOE

    Así mesmo, pode teclear directamente a data do seu interese na caixa:

    Data BOE

    Na parte inferior da páxina pode tamén acceder, a través dun calendario, aos suplementos en linguas cooficiais (catalán, galego, valenciano e éuscaro).

    subir

  • É oficial e auténtico o BOE en Internet?

    Si, a edición electrónica do "Boletín Oficial do Estado" publicada na sede electrónica da Axencia, a partir de 1 de xaneiro de 2009, ten carácter oficial e auténtico, derivándose da mesma os efectos previstos no Título Preliminar do Código Civil e nas restantes normas aplicables.

    Con anterioridade a esa data, só tiña a consideración de oficial e auténtica a edición do “Boletín Oficial do Estado" impresa en papel.

    subir

  • Como e desde cando se garante a autenticidade do BOE electrónico?

    Para garantir a autenticidade, integridade e inalterabilidade do contido do “BOE”, a edición electrónica publicada na sede electrónica da Axencia, a partir do 1 de xaneiro de 2009 incorpora a firma dixital avanzada.

    Esa firma incorpórase por separado en cada unha das disposicións publicadas, o que permite asegurarse da autenticidade dunha disposición concreta sen necesidade de descargar o diario completo.

  • Por que un documento electrónico firmado é inalterable?

    O proceso de firma electrónica bloquea e “conxela” o contido dun documento de modo que calquera alteración do mesmo invalida a firma electrónica incorporada.

    O proceso de firma electrónica componse de dúas operacións.

    1. calcular un resumo (ou hash) dixital de lonxitude fixa a partir do contido completo do documento.
    2. cifrar ese resumo coa clave privada correspondente ao certificado do emisor. O resumo cifrado empaquétase co documento, aínda que o contido visible do documento non se cifra para que sexa lexible.

    Para validar un documento firmado por medios electrónicos, é dicir, para confirmar que non foi alterado por ningunha causa desde que se firmou, hai que realizar tres operacións:

    1. volver a calcular o resumo (hash) a partir do contido do documento
    2. descifrar o resumo incluído no documento mediante a clave pública contida no certificado do emisor e
    3. comparar os resumos. Se son iguais, o documento non sufriu ningunha modificación desde que se firmou e, polo tanto, é válido. Se os resumos non son iguais, produciuse unha alteración e a firma declárase inválida.

    O método de cálculo dos resumos ten tres propiedades interesantes: (a) a súa lonxitude é sempre fixa, independentemente da lonxitude do documento resumido, (b) unha alteración mínima no contido do documento produce un resumo moi distinto e (c) calcular un resumo non é unha operación simétrica: pódese calcular facilmente o resumo dun texto, pero non é posible reconstruír o texto a partir do resumo.

    Para validar os documentos PDF do BOE electrónico, siga as instrucións do Manual de configuración para a validación da firma (PDF) e instale no seu navegador os certificados da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre:

    subir

  • Que é o CVE?

    Localización do código de verificación electrónica nas páxinas PDF do diario oficial[D]

    O CVE, ou Código de Verificación Electrónica, consiste nun conxunto de caracteres que identifican de forma única calquera das disposicións, actos e anuncios publicados no Boletín Oficial do Estado.

    Este código está impreso en todas e cada unha das páxinas de cada disposición, acto ou anuncio publicados e facilita o acceso ao documento electrónico orixinal na páxina web da Axencia Estatal Boletín Oficial do Estado.

    Por que é importante o CVE?

    Porque calquera copia realizada en papel dos orixinais electrónicos do Boletín Oficial del Estado a partir do 1 de xaneiro de 2009 terá consideración de copia auténtica se inclúe o CVE.

    O CVE permite contrastar a autenticidade de calquera páxina do Boletín Oficial do Estado impresa en papel mediante o cotexo co documento electrónico orixinal. Con ese fin, na páxina de acceso ao diario oficial pode introducir o CVE e obter o documento orixinal, firmado por medios electrónicos, directamente na sede electrónica da Axencia.

    subir

  • En que formatos está dispoñible o BOE?

    A edición oficial e auténtica do BOE é a que se ofrece firmada en formato PDF.

    Porén, o contido das distintas seccións do boletín tamén está dispoñible noutros formatos, para facilitar o acceso dos cidadáns e favorecer a reutilización da información xurídica publicada. É posible acceder a estes outros formatos a través dos sumarios do día facendo clic sobre a ligazón “Outros formatos”.

    Así, as disposicións e anuncios publicados no diario ofrécense tamén en formato html. Cada documento html contén unha cabeceira cos datos de identificación e publicación da disposición ou anuncio, así como a ligazón ao resto de formatos:

    • Ao pdf firmado e auténtico.
    • Ao ficheiro xml.

    Ademais, para as disposicións xerais publicadas na sección I, ofrécese a ligazón ao formato e-PUB (dispoñible desde 2010), especialmente orientado á súa visualización en dispositivos tipo libro electrónico.

    Para a conversión de documentos ePUB desde calquera formato, así como a xestión e envío dos mesmos a calquera dispositivo tipo lector electrónico, recomendamos o uso da ferramenta gratuíta Calibre (Windows, OS X, Linux): http://calibre-ebook.com/ Tamén é posible visualizar de forma sinxela estes documentos con Windows ou OS X, usando o visor gratuíto de Adobe, Digital Editions: http://www.adobe.com/es/products/digitaleditions/

    subir

Axencia Estatal Boletín Oficial do Estado

Avda. de Manoteras, 54 - 28050 Madrid